conversando con...

Inma Otero entrevista a Berta Dávila

Intervista in italiano

Il volume Raíz da fenda
O libro Raíz da fenda

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é unha das voces novas con máis forza da literatura galega actual. Tanto os seus traballos narrativos como líricos fixéronse con algúns premios tan prestixiosos como o Johán Carballeira por Raíz da fenda, libro recoñecido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como a mellor obra lírica de 2013, ao que se lle une o Premio da Crítica Española. Como novelista fíxose co Premio Biblos de novela en 2008 por Bailarei sobre a túa tumba e co Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen. En 2019 acadou o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros con Carrusel. Estes son só algúns dos premios e dos textos publicados por unha autora cunha proposta moi persoal proxectada desde a forza da autorreferencialidade.

Un dos aspectos que se destaca da túa traxectoria é a faceta de poeta e narradora, moi compensadas desde o punto de vista da produción de textos de ambos xéneros e dos recoñecementos que obtiveron. Como consideras esta dupla perspectiva? Cres que afecta dalgunha maneira ao teu xeito de escribir?

Paréceme inevitable que afecte. Eu entendo a escrita literaria como un oficio, moitas veces como unha artesanía. O que quero dicir con isto é que teño unha relación case tanxible cos procesos de escrita, e tamén coa linguaxe ou coa metáfora como material de traballo. Iso é algo que vai máis alá do xénero literario, como se o xénero literario fose a fórmula ou o molde co que tratar o material. Tamén ocorre que os procesos de escrita, no meu caso, están moi relacionados cos espazos, tanto os domésticos como os da cidade. As imaxes, as ideas que se producen, as anotacións, os cadernos, os recortes, deposítanse nun lugar. De feito hai etapas nas que prefiro escribir fóra da casa para que os lugares nos que vivo non se contaminen do traballo literario. E tamén ao revés, claro. Escribín un poemario pendurando os textos nas paredes do corredor porque eran moitos textos para xestionalos só na cabeza e tamén porque precisaba telos presentes, rodeándome, para pensar neles. Desde ese punto de vista, na mesa de traballo as cousas que un fai contamínanse materialmente unhas a outras. Así que, dalgunha maneira, as miñas novelas poden conter, inevitablemente, trazas do meu traballo poético. E tamén ao revés. Paréceme que a miña narrativa é máis interesante que a miña poesía, que é algo co que eu non contaba cando comecei a escribir poesía e a narrativa non estaba nin sequera en proxecto. Porén, hai ferramentas da poesía que son moi útiles para min á hora de facer narrativa: a condensación, a imaxe, usar unha parte para falar dun todo. Nos últimos anos escribín algúns poemas que penso que poden xuntarse nun libro de poemas, pero non teño claro que ese libro sexa un poemario como tal, un libro enteiro, e paréceme que me fun convertendo nunha poeta de poemas e non de poemarios, algo que ten moito que ver coa miña faceta de narradora. A narradora non concibe que haxa que dicir algo utilizando moitas unidades de significado separadas e independentes que conflúen para conformar ese algo que se di (como son os poemas dentro dun poemario) senón que tende a pensar en facelo nunha soa unidade, curta ou breve, de sentido completo (como é a novela ou o relato). Non sei se isto se entende. Os capítulos dunha novela non son equivalentes aos poemas dun poemario porque non son idependentes uns dos outros. Os poemas son unidades completas. Unha novela cabe, ou debería caber, nun poema só.

A crítica ten sinalado respecto á a obra o coidado na elaboración das imaxes, mesmo nos textos narrativos, a preocupación pola lingua e a creación de ambientes; de espazos e dos seus obxectos exquisitos, por empregar unha expresión de Carrusel, que reforzan a beleza e a dor. Que función ten esta procura estilística constante?

Para min non é unha procura estilística. Creo que ten que ver coa miña forma asombrada de ollar o mundo e a vida e que non é algo que se circunscriba só a cando observo o que me rodea coa pretensión de facer literatura. A idea de beleza ou de dor, ou a idea do que é sublime e do que é miserable, son todas cousas que nacen antes da literatura, non é que a literatura pretenda tratar, recrear ou reconstruír a beleza ou a dor senón que a dor e a beleza queren ser expostas ante alguén, nun momento dado, a través da literatura. Supoño que non conseguiría explicalo ben por máis que me esforzase e que, a priori, parece non haber diferencia entre os dous enunciados que veño de opoñer, pero para min o artefacto que é a literatura serve en todos os casos a un significado último que case sempre ten moito que ver con comunicar a emoción precisa. Na miña literatura non hai unha sublimación do mundo que o volva literario nin unha conceptualización pretendida do sinxelo e do común para abismarse, a través diso, a temas elevados. É que o sinxelo e o común decote me asombran e iso ten, en si mesmo, un significado fermoso. En Carrusel,  por exemplo, cando a nena se fascina coa fraxilidade e a beleza dunha figura de cristal, a figura de cristal non é necesariamente unha metáfora construída para explicar a fraxilidade da nena e a característica do efémero como depositario do precioso. Non hai unha vontade de crear a figura de cristal para explicar esas cousas senón unha descuberta de que a figura de cristal da que se quere falar as representa. E así as palabras axeitadas para contalo son tamén descubertas.

A túa última obra, Carrusel, malia ter un argumento moi diferente de O derradeiro libro de Emma Olsen, recorre de novo á primeira persoa a cargo dunha protagonista escritora, para narrar unha situación dun gran impacto emocional desde unha posición que supura sinceridade. Por que escolliches este recurso?

A min custoume moito chegar á narradora en primeira persoa d’ O derradeiro libro de Emma Olsen porque comportaba un reto literario complicado e iso acabou sendo unha experiencia de escrita moi interesante. Despois de todo iso, o último que quería era facer outra novela na que a protagonista é escritora e fala en primeira persoa, pero Carrusel é iso, aínda que os dous libros non teñen nada que ver finalmente. Por suposto desexaba facer un libro moi distinto ao anterior, un libro que chegase a outros lugares e demais, e tamén sabía que un sería comparado co outro. Porén, despois decateime da enorme pretensión que supón pensar todas esas cousas, do absurdo que é dar por suposto que teño que ofrecer propostas literarias variadas, diferentes narradoras, protagonistas que reflictan outras realidades. Eu non teño a misión de ser versátil e ofrecer un repertorio cambiante de estilos e formatos porque non son o catálogo literario dunha editorial. Apetecíame seguir explorando a primeira persoa, seguir narrando por esa vía que aínda non estaba agotada para min. Apetecíame, ademais, facelo desde unha escritora, igual que moitos protagonistas de Woody Allen teñen que ver coa industria do cine. Se cadra hai moito de egocentrismo en todo isto de escribir arredor do acto de escribir. En todo caso é un egocentrismo que non se agocha. Prefíroo a ese outro egocentrismo de personaxes aparentemente distanciadas do seu autor no que as personaxes están escritas coma se fosen escravas das neuras dese autor.

Seguindo o fío da pregunta anterior, en Carrusel dilúese, dentro do pacto da ficción, a fronteira entre literatura e vida, ao mesmo tempo que se lexitima a liberdade de quen escribe. A vida é unha cicatriz, recolle o texto. Cal cres que é, ou cal é para ti, a relación entre literatura e realidade?

Represéntame moito a entrevisión, a físgoa de luz que se fai no bordo da porta a medio pechar, e que achega unha imaxe do que hai detrás da porta que é  real e tamén reconstruída, todo á vez, que pode ser alucinada ou non, sublime ou miserable, que aínda pode ser o que se queira porque só se intúe, non se coñece. Ese é o espazo para facer este tipo de literatura. E é interesante, como todos os espazos limítrofes, como todas as fronteiras.

Nesta novela percíbese unha tensión entre moitos contrarios: a vida e a morte, o movemento e a parálise, o presente e o pasado. Tamén entre o irracional e a lóxica das matemáticas ou da medicina. Pódese explicar todo ao xeito da ciencia? Mesmo o que se amosa como contradición?  

Seguramente a ciencia sexa máis capaz de explicar algunhas formas de contradición que a literatura, sobre todo porque a literatura non ten, en si, o cometido de explicar nada. En todo caso non entendo a ciencia, as matemáticas ou a medicina como unha oposición ao irracional e moito menos como unha oposición á literatura. A min interésame moito o universo simbólico que crean as matemáticas. As matemáticas son unha construcción humana completa, iso é algo que me asusta e me marabilla a un tempo. As matemáticas son bonitas como unha figura de cristal. 

Toda a túa produción, tamén esta novela, provoca unha conmoción en que le. Achégase aos límites da dor, como se abeiraba a outros lindes. A arte ten que doer para ser arte?

Non o creo así, tampouco creo que os meus textos teñan que ver só coa dor ou con cousas terribles e, se é así, non conseguín o que quería, que tamén pode ser. Creo que hai unha procura da beleza, do que é fermoso, que é algo que, en xeral, persigo na vida diaria. E, sobre todo, paréceme que persigo certa honestidade, coma se fose unha obsesión. Cando unha escribe desde a procura de honestidade (e a honestidade non quere dicir o relato do real, evidentemente) atopa cousas que non son sempre bonitas de expoñer, pero que son verdade. En todo caso non estou moi segura de nada disto.

Tense situado a túa obra dentro da literatura do eu”. Séntense cómoda nese lugar? Cal sería a literatura, ou as autorías, que che resultan máis próximas?

Creo que cando escribo busco intuitivamente os lugares nos que me sinto incómoda. Non sei se isto debe ser así ou non. Moitas veces penso en escribir esta ou estoutra historia, en escribir cousas máis confortables para min e para a persoa que lea, porque é complicado facelo e é bonito e é un reto interesante que sería estupendo emprender, pero o certo é que non o fixen aínda.

L'autore

Inma Otero Varela
Inma Otero Varela
Inma Otero Varela (Carral, 1976) è attualmente professoressa di Lingua e letteratura galega nelle scuole superiori. È stata lettrice di galego nell’Università “La Sapienza” di Roma dal 2003 al 2008. Collabora come critico letterario in “Grial” e “Novas do Eixo Atlántico*. Ha pubblicato studi sulla narrativa galega in svariati volumi e riviste scientifiche (“Critica del Testo”, “Anuario de Estudos Literarios Galegos”, “Boletín Galego de Literatura).

One thought on “Inma Otero entrevista a Berta Dávila

Comments are closed.