conversando con...

Inma Otero entrevista a Carlos Lorenzo

Intervista in italiano

Carlos Lorenzo Pérez (Caracas, 1968) é xestor cultural, fotógrafo, deseñador gráfico e creador audiovisual. Como técnico de Cultura do Concello de Carral organiza o Premio de Poesía de Carral, un dos certames máis consolidados en Galicia, que vai xa pola vixésimo terceira edición. No que respecta ao seu labor como fotógrafo destaca pola ilustración de libros, discos ou carteis, para alén de ter participado en varias exposicións con coleccións como “Asómate”, co proxecto “A Ramallosa” en colaboración co poeta Baldo Ramos ou coa exposición itinerante “Territorio Acoutado”, que callou na publicación dun libro, onde as fotografías se acompañan dos poemas de Olga Patiño. O seu último proxecto é a obra Celanova ten unha foto que recolle fotografías desta vila ourensá xunto aos textos de José María Paz Gago e Xulio López Valcárcel. En 2018 estrea o seu documental sobre poesía Vértice de versos.

Non é habitual atopar documentais sobre un xénero literario e, menos aínda, que fuxan dun formato excesivamente académico. Ti fixéchelo con Vértice de Versos, partindo dunha proposta conceptual e estética moi eficaz. Como xurdiu a idea?

A idea de facer este documental naceu despois de descubrir que non existía ningún audiovisual que con certa profundidad tratara asuntos sobre a nosa literatura. Eu necesitaba ter referencias para facer un pequeno documental sobre os 20 primeiros anos do premio de poesía Concello de Carral, mais tan só atopei pezas feitas para exposicións ou didácticas sobre algún autor ou autora á que lle dedicaran o Día das Letras Galegas; ou reportaxes de televisión de non máis de 5 minutos sobre algún escritor ou libro, mais ningún amosaba o conxunto do ambiente de creación literaria que hai en Galicia. E sorprendíame moito, porque é constatable que a produción literaria en Galicia é densa e extensa.  E claro está que nesta falta de atención sobre a nosa literatura, a poesía aínda estaba máis esquecida. Eu levaba moitos anos en contacto co ambiente poético de Galicia e parecíame que en Galicia estaba a pasar un fenómeno moi singular, e era que había moita produción de poesía, algunha dela moi recoñecida e premiada no exterior da comunidade. Estaba a ser un fenómeno moi descoñecido polo público en xeral. E pensei que había que contalo. Que tiñamos unha poesía galega da que sentirnos orgullosos e que necesitaba que se lle prestara atención. E sobre todo eu queríallo contar a quen non tiña ningún interese en coñecer esta situación ou en ler poesía. Quería abrirlles a porta dun mundo que lles ía causar unha gran sorpresa e satisfacción.

Participas en Vértice de Versos como produtor, guionista e director. Con que retos te enfrontaches neste triplo papel?

O primeiro que comecei a facer foi escribir sobre a idea do documental, que era o que quería contar e que persoas me parecían que debían contalo. Esa fase de preprodución, de conversas, lecturas e investigación, aínda me estaba a descubrir máis facetas da nosa poesía que eu non coñecía con detalle. Así fun confeccionando unha escaleta de contidos, xa que nos documentais non se traballa con guións pechados coma na ficción. As filmacións tamén determinarán como vai resultar a película. E nese primeiro proceso eu xa sabía que este tema había que contalo dun xeito atractivo e áxil, fuxindo de certos tópicos que se manexan de cotío neste tipo de producións. Así que me decidín a que tamén tiña que ser eu o director para controlar o resultado final. E para pechar o círculo de responsabilidades, sabía que o restante nivel de decisións e de risco tamén o tería que asumir eu. De feito, a miña formación no ámbito audiovisual é precisamente na faceta de produción. Convertín este documental nun proxecto persoal sen perder a perspectiva profesional coa que o asumía. A faceta que máis vertixe me producía era a de dirixir o documental, que para min era inédita. Asumina confiando no equipo do que me rodeei, que aínda que sendo pequeno, era dunha contrastada profesionalidade e que tivo moita implicación no proxecto. Aínda lembro a faciana de sorpresa da maioría deles cando lles contei por primeira vez que ía facer un documental sobre poesía. Inicialmente non tiñan o cenvencimento de que se puidera facer unha película atractiva falando de poesía, mais cando lles detallei como pretendía facelo, reaccionaron con moita ilusión.

Vértice de versos leva máis de dous anos presentándose con éxito en diferentes foros, desde centros escolares galegos, asociacións, institucións públicas, nomeadamente de ámbito municipal, ata centros culturais e de estudos galegos no estranxeiro. Esperabas esta acollida tan ampla e heteroxénea? Que foi o que máis che sorprendeu?

Desde o meu papel de produtor, xa cavilas desde o inicio cales poden ser as vías de exhibición do documental. Necesítase prever un posible mercado para saber se seremos capaces de obter os ingresos que cando menos compense o investimento económico. Desde o primeiro momento detectei que o documental podía espertar interese en varios ámbitos, e nón só no estritamente cultural. Quizais fose máis doado facer unha película cun ton académico ou didáctico, mais non me interesaba ese camiño. Quixen fuxir dese modelo, aínda que era consciente de que o documental tiña moito valor para o ensino. Sen que sexa un documental feito para a educación, si que tiven en conta algúns recursos que na película parecen funcionar ben para captar a atención da mocidade. A música de Xoán Curiel ou as ilustracións de María Lires son algúns deses elementos. O que si fixemos con especial atención ao eido do ensino de secundaria e universitario, foi unha edición en dvd cunha duración menor (50 minutos) para que poida ser exhibido dentro da duración dunha clase. O certo é que en certa medida estou sorprendido pola boa acollida do documental, sobre todo nese espectador pouco predisposto. O público adulto felicítanos porque acceden á sala pensando que ao ser un documental sobre poesía vai ser lento, denso e complexo, e rematan comentándome que saen co desexo de ler poesía e sorprendidos por descubrir un mundo do que eran totalmente alleos. Cando imos aos centros de secundaria, con público adolescente, tamén descubrimos que lles interesa e lles gusta. Na película ven a poetas novos que lles contan que a poesía non só está nos libros, senón que existen moitos tipos de expresión poética, como poden ser a música, a pintura, a danza, a fotografía, que existe a vídeopoesía, ou que nos bares podemos divertirnos escoitando recitar. Resúltalles entretido o documental e comproban que o concepto de poesía pode ser moi diferente ao que eles tiñan asumido.

Á parte de ser un escaparate dalgunhas das voces máis representativas da poesía galega contemporánea, no documental tamén aparece unha valoración da vitalidade que a poesía tivo e ten no sistema literario, ademais dunha reflexión metapoética moi vizosa. Neste sentido son moi interesantes as diferentes opinións sobre o que é a poesía e sobre como afronta cada poeta o proceso creativo. Despois de escoitar todas estas voces, que opinas ti, o director, sobre a situación da lírica galega na actualidade?

Eu non podo atreverme a facer unha comparativa entre a calidade poética da produción literaria de Galicia e a doutros territorios europeos ou latinoamericanos. Non coñezo co detalle suficiente os diversos sistemas literarios como para confrontalos co galego. Pero o que si percibo é que a lírica galega é abondosa e moi variada. Conviven cinco xeracións de poetas, cunha produción constante e rica. Cunha xeración de poetas moi novos que me sorprenden polo seu elevado dominio académico da linguaxe e da capacidade fluída de conexión co lector. Agrádanme moito os vencellos, que cada vez se dan máis, dunha poesía que nace do poema escrito e que busca relacionarse con outras disciplinas. Eu mesmo participo dese modelo en libros de autoría compartida, nos que eu achego a fotografía poética. Creo que este fenómeno de gran produción lírica, está a reactivar algunhas vellas coleccións editoriais que había tempo que non publicaban poesía. É un indicador máis da situación. Mais de todos os xeitos aínda existe a eiva de que sexan os lectores os que perciban na mesma proporción a calidade literaria que teñen a man na súa lingua. A poesía segue a ser un xénero minoritario.

No documental sinálanse varios trazos característicos da poesía actual como a presenza das mulleres ou a multidisciplinariedade. Cal pensas ti que é o aspecto máis salientable da lírica contemporánea?

Pilar Pallarés Arquivo AELG - Distrito Xermar
Pilar Pallarés Arquivo AELG – Distrito Xermar

Pois precisamente esa presencia da muller na nosa poesía. Parece doado establecer a relación de que se a matriarca da literatura galega é unha poeta, Rosalía de Castro, o xénero feminino na poesía sega a manter un papel relevante na escrita en Galicia. Non sei se realmente é unha causa real, pero si considero que ten un efecto positivo á hora de valorar e defender a produción literaria feita por mulleres. Aínda así, cónstame que aquelas poucas poetas que acadan soster unha traxectoria literaria profesional ou semiprofesional, o teñen que facer cun gran esforzo, imaxinación e capacidade de risco. E dese valor fundamental da muller na poesía galega, temos o exemplo recente da consecución do premio nacional de poesía por parte de Pilar Pallarés. É un dato máis que me axuda a crear esta opinión.

O teu perfil polifacético resulta tamén orixinal e ben interesante. Ademais da dedicación ao audiovisual e á fotografía, traballas como técnico de cultura no Concello de Carral onde desenvolves un papel fundamental na organización do premio de Poesía de Carral, un dos certames máis consolidados dentro do panorama literario galego despois de vinte e dúas edicións. Como pensas que influíu esta dupla perspectiva na elaboración do documental?

Foi esencial. A miña conexión coa poesía galega formouse a raíz de asumir a responsabilidade técnica do premio Concello de Carral. Esa conexión durante dúas décadas outorgábame unha visión próxima á vez que ampla, mais non desde dentro nin contaminada, da paisaxe poética galega. Os certames tamén forman parte do sistema literario, pero cando é unha administación pública quen o organiza e non unha editorial, por exemplo, a relación co mundo literario é máis distante. Esa experiencia co concurso tamén me posibilitou establecer unha rede de contactos e relacións, que me facilitaron moito a realización do documental. Eu creo que para facer ben un documental que se basa nas intervencións e respostas dun conxunto de persoas, é moi importante que elas sintan confianza en quen está detrás da cámara. Conseguín que a meirande parte das persoas que interveñen no documental se sintiran realmente parte del. Empatizaron moito co proxecto. Iso gáñase cando ven en ti unha persoa próxima ao tema do que falan. Ese valor dábamo o premio de Carral.

Despois de todos estes anos organizando o Premio de Poesía de Carral e vendo como gañaron algunhas das persoas que acabaron formando parte do canon da lírica contemporánea, ves algúns cambios salientables ao longo deste tempo?

Teño a impresión de que hai máis creación. Existen moitos obradoiros en bibliotecas, centros de ensino ou librarías que fomentan a escrita de poesía. E deses obradoiros sempre xurden autoras ou autores que proban sorte para editar a súa obra. Perderon o medo ou a vergonza de tentar facer público o seu poemario tentando gañar a confianza dunha editorial ou gañando un certame. Outro cambio que detecto é unha utilización cada vez máis exixente do idioma, un mellor manexo da lingua. Se ben a poesía podémola considerar como un acto de liberdade no uso da palabra, vexo cada vez máis poemarios cun uso exquisito e rico da nosa lingua. Os expertos aseguran que é pola formación recibida por parte de moitos dos autores e autoras actuais nas facultades de filoloxía galega. E tamén como cambio salientable nos últimos anos, hai que citar o fenómeno de que cada vez se traduce máis poesía galega a outros idiomas. E non só de autores xa consolidados, senón que persoas novas que aínda contan con pouca obra publicada. É un síntoma máis do vigor da nosa poesía e do interese que dela hai fóra de Galicia.

Cal pensas que é a importancia dos premios literarios na consolidación da poesía?

Os premios literarios gañáronse un papel esencial no sistema literario galego, sobre todo no que se refire á poesía. Sempre é difícil chegar a publicar unha obra. E non son moitas as editoriais que traballan coa poesía. Polo que as opcións que se abren para os autores son os certames, sobre todo aqueles de maior prestixio que editan a obra gañadora. Un libro premiado xa se supón que leva consigo unha verificación contrastada por un xurado da súa calidade. O papel dos certames debera ser descubrir novos valores ou consolidar traxectorias literarias xa iniciadas, e facilitar aos lectores o acceso a obras de calidade. Coido que en xeral, os premios literarios están a cumprir esta función.

Outro aspecto que se toca en Vértice de Versos é a proxección da poesía galega fóra das fronteiras do país. Desde a experiencia que che dá a difusión que está a ter o teu documental, que cres que sería necesario para que se coñeza máis a lírica galega fóra de Galicia?

Yolanda Castano
Yolanda Castano

No documental, Yolanda Castaño indica ao respecto que fan falta políticas comprometidas e encamiñadas á difusión da nosa cultura fóra das nosas fronteiras. Eu opino igual, non se dá esa situación.As nosas administracións non están a apostar pola cultura na medida necesaria. Quédalles moito por facer nese aspecto. Necesítanse estratexias planificadas que posibiliten profesionalizar a creación literaria, facilitando a súa presenza en feiras internacionais, a participación nos principais foros culturais do mundo, o apoio comercial, tanto dentro como fóra de Galicia… E tamén creo que ten que haber un cambio de actitude dos propios escritores, que no poden asumir como fin último da súa creación, ver o seu poemario publicado. Teñen que axudar a visibilizar a súa obra. Non o poden deixar só nas máns das editoras, das distribuidoras ou das librarías. Hai que facer o esforzo de que os libros cheguen aos lectores, que fomenten o amor pola poesía, que o fagan a novos mercados buscando que sexan traducidos… Eu, na miña faceta como creador, observo que moitos protagonistas da cultura galega se limitan tan só a crear, obviando todas as fases posteriores para que a súa produción chegue realmente ao público. E son crítico coa administración pública que subvenciona a creación cultural e non exixe que o público, no noso caso os lectores, goce do que pagaron cos seus cartos. Hai que facilitar o acceso a esa produción cultural. E nesa teima de que a lírica galega traspase as nosas fronteiras, tamén hai que avaliar por que internamente tampouco se lle concede a atención que merece. Un exemplo disto é Vértice de versos, que se lle ofreceu para a súa emisión na Televisión de Galicia ata en tres ocasións, e non recibín ningún tipo de resposta. Cando a cultura conta con escaso apoio para a súa exhibición no propio territorio, pouco apoio podemos agardar para saír ao exterior.

Despois do éxito de Vértice de Versos, tes en mente dirixir máis documentais sobre outros xéneros literarios ou ámbitos culturais?

Teño en mente outro documental que trate sobre fotógrafos galegos de mediados do século XX. Sobre todo deses fotógrafos de lugares pequenos que tiñan que saír a buscar a diario a quen fotografar. Mais aínda estou nun punto moi inicial deste proxecto, xa que tamén teño en marcha un novo libro co poeta Baldo Ramos, no que participo como fotógrafo, e que xa está a piques de ver a luz. E tamén estou a traballar nunha peza audiovisual cun poema de Olga Patiño. Como vedes, os meus proxectos seguen adheridos á poesía. Vou ter que consultar co médico esta adicción.

L'autore

Inma Otero Varela
Inma Otero Varela
Inma Otero Varela (Carral, 1976) è attualmente professoressa di Lingua e letteratura galega nelle scuole superiori. È stata lettrice di galego nell’Università “La Sapienza” di Roma dal 2003 al 2008. Collabora come critico letterario in “Grial” e “Novas do Eixo Atlántico*. Ha pubblicato studi sulla narrativa galega in svariati volumi e riviste scientifiche (“Critica del Testo”, “Anuario de Estudos Literarios Galegos”, “Boletín Galego de Literatura).

One thought on “Inma Otero entrevista a Carlos Lorenzo

Comments are closed.